IAEE 4º ESO. Clase e tarefa do 19/02/2021
- Héctor Marcos Pérez Feijoo
- 20 feb 2021
- 4 Min. de lectura
Supoñamos que temos decidido optar polo auto-emprego. Existe algunha forma de asegurar o éxito da nosa futura empresa? A resposta é NON. O que si podemos facer é ter unha idea máis clara das nosas expectativas, dos riscos que podemos afrontar e dos resultados que pretendemos obter. O resultado da reflexión e procura da información necesaria para montar o negocio chámase plan de empresa. Se ben o plan de empresa non é un documento obrigatorio, si que é un documento clave para que o futuro empresario poda obter financiamento, xa que as entidades financeiras, como por exemplo os bancos, requiren a información que contén para poder valorar se prestan os cartos que unha persoa solicita para levar a cabo un negocio. Algunhas persoas falan do plan de empresa como unha “tarxeta de presentación” dos emprendedores, co que poden ensinar aos interesados o esencial do desenvolvemento da súa idea de negocio.
Polo tanto un plan de empresa non ten unha estrutura formal predeterminada. Aínda así, existen algúns puntos clave que case todo plan de empresa contén:
- Desenvolvemento da idea de negocio.
- Análise do contorno
- Estudo do mercado
- Plan de marketing
- Identificación e localización
- Organización da empresa e departamento de persoal
- Viabilidade económico-financeira
- Posta en marcha
Falemos brevemente do que conteñen cada unha destas partes do plan:
- Na idea de negocio, o emprendedor explica, como dixemos no apartado anterior, que vai facer, por que o considera necesario no seu contorno, que expectativas ten e que outros negocios fan máis ou menos o mesmo no contorno. Como xa sabemos, un posible modelo para facer isto é encher unha ficha NABCH.
- A análise do contorno tentará definir en que campo de xogo vai actuar a futura empresa. É común distinguir dous tipos de contorno: un contorno xeral ou xenérico que comprende o marco legal e socio económico do lugar onde a empresa vai realizar a súa actividade e un contorno especifico, que expresará as características do sector económico onde se moverá a empresa: os clientes, os provedores, a competencia e os distribuidores.
- O estudo de mercado: se na análise do contorno se fai un estudo cualitativo do sector, esta parte do plan reflexa os resultados dun estudo empírico das características da clientela potencial. Un estudo empírico consiste no uso de fontes de información como enquisas e estatísticas para verificar que a idea previa que ten o emprendedor sobre os seus futuros clientes é certa.
- O plan de marketing tradicionalmente e tamén no noso caso, consta de 4 partes chamadas en conxunto marketing mix. En xeral, podemos definir o marketing como o conxunto de variables que permiten á empresa realizar as súas vendas. As 4 variables que habitualmente se manexan nesta análise son o produto, o prezo, a publicidade ou comunicación e a distribución.
- A identificación da empresa fai referencia á súa forma xurídica, o nome e os signos que a identifican cara ao exterior. A forma xurídica é a forma legal da empresa. A miúdo oídes falar de sociedades anónimas ou SA, sociedades limitadas ou SL e outras siglas que se engaden ao nome das empresas. Trátase dunha indicación da forma xurídica. A forma xurídica ten gran importancia porque pon os límites legais aos dereitos e obrigacións da empresa. A localización, o lugar onde montamos a empresa, é outro aspecto fundamental para o éxito do negocio.
- O organización da empresa establece que postos de traballo son necesarios, o lugar que ocupa cada persoa, as súas funcións e responsabilidades. Un instrumento clásico para realizar esta análise é o organigrama, un gráfico que expresa os postos de traballo e as relacións entre eles.
- A viabilidade económico-financeira é para moitos a parte máis importante deste documento. Trátase dunha previsión da evolución das vendas, custos, entradas e saídas de cartos e outros factores que indican se facendo as contas a empresa pode considerarse un bo ou mal negocio. Como é unha previsión do que pode suceder debemos facer supostos, pero é fundamental que estes supostos sexan realistas e baseados en datos fiables. Se a empresa resulta non viable, non pagará a pena levar a cabo o negocio dende un punto de vista económico; se as previsións non son fiables, será complicado obter cartos de terceiras persoas, como por exemplo, os bancos. Chegados a este punto, hai xente que pode pensar que a única parte realmente importante do plan de empresa é esta. Non obstante, so se poden facer previsións económicas fiables se temos claras todas as fases anteriores, que son as que indican que investimentos debe facer a empresa para acadar os seus plans.
- Posta en marcha: montar unha empresa implica realizar un conxunto de trámites: ir ao notario, inscribir a empresa, pagar impostos, darse de alta na Seguridade Social, etc. O apartado final indica que trámites hai que realizar, onde e como realizalos.
Case todo o resto do curso trataremos de desenvolver estes apartados para ir realizando unha simulación de plan de empresa.
Tarefa para a semana que ven: facer o lenzo de negocio con esta estrutura
https://docs.google.com/presentation/d/17-XXGI73YSBE66Nvj7WiQmocF2-W30Z1DidmGUmDavk/edit?usp=sharing


Comentarios