31ª Clase de IAEE, 4º ESO. 17/12/2020
- Héctor Marcos Pérez Feijoo
- 17 dic 2020
- 3 Min. de lectura
Resumo da clase anterior
Riscos laborais
Riscos laborais.
Segundo a OMS (Organización Mundial da Saúde), a saúde é un estado completo de benestar físico, mental e social e non soamente a ausencia de enfermidades. No ámbito laboral cabe suliñar que o traballo inflúe na saúde tanto positivamente, satisfacendo necesidades e favorecendo o desenvolvemento persoal, e negativamente, xerando riscos profesionais e producindo danos na saúde (accidentes de traballo, enfermidades profesionais, fatiga, estrés e insatisfacción).
Debemos definir que se entende por risco laboral. A lei determina que é a posibilidade de que un traballador sufra un dano derivado do traballo. Que algo sexa considerado un risco laboral depende de:
As características xerais dos locais, instalacións, equipos existentes no lugar de traballo (espazos, escaleiras, máquinas).
A natureza dos axentes físicos, químicos e biolóxicos, presentes no ambiente de traballo (ruído, vibración, iluminación, temperatura/ventilación)
Os procedementos para a utilización destes axentes (manipulación de material biolóxico sen guantes)
Aquelas características do traballo que inflúan na magnitude dos riscos aos que estea exposto o traballador (ritmo de traballo inadecuado ás características do traballador).
Dende un punto de vista máis operativo, podemos desenvolver os riscos destas categorías:
Riscos derivados do medio ambiente de traballo: podemos citar aos seguintes:
Axentes Químicos: sustancias que poden danar a saúde cando o organismo as absorbe en doses determinadas. As vías de penetración poden ser: respiratoria, dixestiva, dérmica e parenteral. Poden producir irritacións da pel ou mucosa, asfixia, somnolencia, reaccións alérxicas, cáncer...
Contaminantes biolóxicos: seres vivos ou virus que ocasionan enfermidades infecciosas ao penetrar no organismo. Poden entrar por vía inhalatoria, dixestiva,dérmica e parenteral (traballos en contacto con animais, sanitarios...)
Axentes físicos: Ruído: "son molesto e non desexado". Os seus efectos: xordeira temporal ou hipoacusia laboral o xordeira. Vibracións: movemento transmitido ao corpo por estruturas sólidas capaz de producir un efecto nocivo ou calquera molestia. Temperatura: un ambiente térmico inadecuado pode producir problemas como incomodidades, suores, tremores... a consecuencia de temperaturas demasiado altas ou baixas
Iluminación: para un máximo confort visual, é necesario que a iluminación sexa adecuada. Para evitar situacións de iluminación insuficiente o inadecuada: debe utilizarse a luz natural sempre que se poda, adecuar intensidade a esixencias da tarefa, eliminar fontes de luz demasiado fortes, limpar lámpadas para corrixir a baixa iluminación.
Radiacións: ondas ou partículas electromagnéticas emitidas por determinadas materias: raios x (ionizantes) , infra-bermellos, ultravioletas, láser (non ionizantes).
Riscos derivados das condicións de seguridade:
Lugares de traballo: áreas do centro de traballo nas que o traballador deba permanecer ou ás que poda acceder en razón do seu traballo (zona de tránsito, locais de descanso...). Débese facilitar o control das situacións de emerxencia, posibilitando a rápida e segura evacuación dos traballadores. As superficies e solos non deben ser esvaradías nin estar molladas. Riscos que pode sufrir: caídas ao mesmo ou distinto nivel, pisadas sobre obxectos, atropelo de vehículos, caídas de obxectos...
Instalacións eléctricas: prodúcese risco eléctrico cando existe a posibilidade de que unha corrente eléctrica circule polo corpo humano. Pode producirse por: contacto directo (enchufes, cables...); contacto indirecto (acceso carcasas maquinaria); incendios e explosións (sobrecargas ou curtocircuitos).
Equipos de traballo: calquera maquinaria, aparato ou ferramenta utilizada no traballo. Riscos: quedar atrapados, golpes, cortes, proxección de partículas...
Riscos derivados da carga de traballo:
Carga física: conxunto de requirimentos físicos aos que se ve sometido o traballador ao longo da xornada. Para elo, hai que analizar varios elementos:
Esforzo físico: que poderá ser estático (os músculos contráense durante un período de tempo) ou dinámico (prodúcense relaxacións e tensións sucesivas dos músculos).
Postura de traballo: a realización de movementos repetitivos en posturas forzadas pode ocasionar alteracións músculo-esqueléticas no pescozo, brazos, costas. Diferentes indicacións segundo se traballe de pe ou sentado.
Manipulación manual de cargas: peso máximo 25kg homes, 15kg mulleres, maiores e xoves. Débense de seguir unhas instrucións: apoiar os pes, separar os pes a unha distancia aprox. de 50cm, dobrar as costas e xeonllos para coller a carga e manter as costas rectas.
Trastornos músculo-esqueléticos, enfermidades que os traballadores sofren con máis frecuencia (hernias, tendinites...)
Carga mental: conxunto de requirimentos aos que se ve sometido o traballador. (Moita información e pouco tempo para realizar o traballo
Riscos psicosociais: estrés, mobbing, burnout, fatiga mental).


Comentarios