29ª Clase de IAEE. 10/12/2020
- Héctor Marcos Pérez Feijoo
- 10 dic 2020
- 1 Min. de lectura
Resumo da clase anterior
Desemprego (1)
O emprego, como todas e todos sabedes, é a situación na que unha persoa en idade e condicións de traballar está exercendo un traballo remunerado (pagado) por conta e baixo a dirección doutra persoa. O desemprego é a situación contraria. É dicir, cando unha persoa en idade e condicións de traballar non atopa traballo a pesar de buscalo. Entendemos por Poboación Activa, a poboación en idade e condicións de traballar e que ten un emprego ou o busca. A poboación inactiva, polo tanto, componse de aqueles que son menores de 16 anos (idade legal mínima en España), maiores da idade de xubilación, ou por algunha causa non buscan traballo (por exemplo, as persoas que estudan e teñen máis de 16 anos). A parte da poboación activa que traballa chámase poboación ocupada; a poboación desocupada, desempregada ou en paro é o resto. A taxa de desemprego ou de paro é a porcentaxe de desempregados sobre a poboación activa.
O desemprego é unha situación claramente indesexable tanto para a persoa, que carecerá dos recursos económicos necesarios na maioría dos casos ademais dos efectos psicolóxicos negativos, como para a sociedade en xeral, que ten os seus recursos humanos desaproveitados.
Hai dous indicadores para medir o nivel de desemprego en España:
O paro rexistrado: son as persoas que se apuntan nas oficinas públicas de emprego como desempregados.
A Enquisa de Poboación Activa (EPA): como o seu nome indica é unha enquisa que pregunta a un gran número de persoas se está buscando traballo e en que situación laboral se atopa.


Comentarios