25ª Clase de IAEE, 4º ESO. 27/11/2020
- Héctor Marcos Pérez Feijoo
- 28 nov 2020
- 1 Min. de lectura
Retomamos a teoría. Tema novo: A seguridade social.
O mércores que ven, proba sobre os contratos e a negociación colectiva.
A seguridade social (1)
A constitución española establece que os poderes públicos manterán un sistema de Seguridade Social para toda a cidadanía, que garanta a asistencia e prestacións sociais suficientes ante situacións de necesidade, especialmente en caso de desemprego. A Seguridade Social realiza gastos para manter esta asistencia e obtén ingresos das contribucións dos cidadáns, que pagan parte do seu salario ao sistema, das cotizacións das empresas, e de achegas do propio sector público.
A Seguridade Social guíase polos principios de:
Suficiencia, que supón garantir un nivel mínimo de protección para toda a cidadanía.
Contributividade: contribuíndo cunha parte das súas ganancias, cada cidadán sabe que, cumprindo certos requisitos, recibirá unha axuda proporcional ao que foi achegando.
Universalidade e igualdade de dereitos: toda a poboación ten dereito ás mesmas prestacións.
Solidariedade: as contribucións dunhas persoas serven para pagar prestacións a outras.
Solidariedade interterritorial: entre as diferentes partes do país.
Solidariedade interxeneracional: as prestacións das/os traballadoras/es actuais serven para pagar as prestacións das/os xubiladas/os.
Unidade de caixa: as cantidades recibidas por contribucións serven para pagar prestacións en calquera outro territorio.
Na Seguridade Social existen diferentes graos de responsabilidade e decisión como en todas as organizacións. Hai persoas ou entidades que ocupan os postos máis altos. O Ministerio de Emprego e Seguridade Social é o primeiro e principal responsable. Despois se atopa a Secretaría de Estado da Seguridade Social e, descendendo, están as Entidades Xestoras, e os Servizos Comúns, unidades dependentes dos niveis superiores. Todos eles integran o sistema da Seguridade Social.


Comentarios