22ª Clase de IAEE, 4º ESO. 20/11/2020
- Héctor Marcos Pérez Feijoo
- 21 nov 2020
- 2 Min. de lectura
Resumo da clase anterior
A NEGOCIACIÓN COLECTIVA
A negociación colectiva, a liberdade sindical e os acordos de negociación (chamados convenios) son dereitos constitucionais en España.
A negociación colectiva no debe ser confundida con el convenio colectivo. A negociación é un proceso que conduce á realización do convenio. É definida como un conxunto de discusións sobre condicións de traballo levadas a cabo entre unha empresa, un grupo de empresas ou unha ou varias organizacións de empresas por un lado, e un grupo de traballadores por outro, para a realización dun acordo que é o convenio. Consta de tres momentos: determinación das unidades negociadoras, delimitación do obxecto da negociación e obriga de negociar de boa fe.
Mediante o convenio colectivo regúlanse as condicións de traballo. Os convenios obrigan aos empresarios e traballadores afectados dentro do seu ámbito de aplicación e durante o seu período de vixencia (o tempo para o que foron pactados). Por ámbito de aplicación enténdese o sector produtivo ou conxunto de empresas que está baixo as normas do contrato, ou noutros casos o ámbito xeográfico que abarca.
Hai colectivos que non aplican a negociación colectiva, senón que se regulan por outras normas (funcionarios, autónomos, directores de empresas, os que realizan traballos para a familia...).
Os convenios colectivos teñen diferentes niveis: estatal, autonómico e provincial, por orde. Os convenios de maior nivel teñen preferencia sobre os de menor. As grandes empresas tamén poden negociar convenios colectivos cos seus traballadores (convenios de empresa). Depende do nivel do convenio, os representantes das partes que o negocian varían:
Nun convenio de empresa: os representantes dos traballadores son o comité de empresa, delegados sindicais ou representantes dos traballadores. En todo caso, os que negocien teñen que ter a maioría da representación dos traballadores obtida nas eleccións sindicais.
No resto de convenios (estatal, autonómico, provincial): negociarán os sindicatos que teñan representatividade recoñecida a nivel estatal, autonómico ou provincial. Tamén poderán integrar a comisión negociadora os sindicatos que teñan un mínimo do 10% de representantes dentro dos comités de empresa. Por parte das empresas, terán a representación as asociacións e organizacións empresariais con representatividade recoñecida, e aquelas asociacións que conten cun mínimo dun 10% de empresas afiliadas ás que lle sexa de aplicación o convenio.
Os convenios teñen que establecer normas que sexan compatibles coas leis en materia laboral. Poden regular dous tipos de contidos:
Materias de tipo económico, como retribucións mínimas; laboral, como por exemplo vacacións ou categorías de traballadores; ou sindical. En xeral todo canto afecte ás condicións de emprego.
Procedementos para resolver os problemas xurdidos na aplicación de cuestións como a mobilidade xeográfica das/os traballadoras/es, modificacións substanciais nos acordos, suspensións de contratos por causas económicas, técnicas, organizativas ou derivadas de forza maior, e causas de despido colectivo.
A duración do convenio será a que pacten as partes negociadoras. Se non existe pacto, o convenio prorrógase automaticamente por anos ata que unha parte pida o seu cese.
Para que un convenio teña validez, ademais de estar asinado polas partes será inscrito nos Servizos de mediación e arbitraxe laboral e publicado no boletín oficial que corresponda ao seu ámbito xeográfico (BOE, DOG, BOP). O Ministerio de Traballo revisará a legalidade das cláusulas (pactos) establecidos no convenio.
Por último é moi importante suliñar que o convenio é un pacto que obriga ás partes, pero o que establece son acordos mínimos, que poden ser ampliados voluntariamente en cada empresa.


Comentarios