21ª Clase de IAEE, 4º ESO. 18/11/2020
- Héctor Marcos Pérez Feijoo
- 18 nov 2020
- 2 Min. de lectura
Resumo da clase anterior.
Repaso cos alumnos das probas de recuperación do último test.
O contrato de traballo. Estudo en profundidade.
Contratos de traballo
Un contrato de traballo é un acordo entre empresario e traballador polo que este se obriga a prestar determinados servizos por conta do empresario e baixo a súa dirección, a cambio dunha remuneración ou pago.
As características do contrato de traballo son:
- Voluntariedade: os traballadores e empresarios actúan con total liberdade cando se poñen de acordo para realizar un contrato de traballo.
- Por conta allea: o traballo é realizado polo traballador pero por conta do empresario e baixo a súa dirección.
- Remuneración: a cambio do traballo recíbese un soldo ou salario.
O contrato de traballo pode ser asinado por maiores de 18 anos ou por maiores de 16 co consentimento dun dos seus pais ou titores legais.
O contrato de traballo pode formalizarse por escrito ou de palabra. É obrigatorio por escrito cando así o esixa unha disposición legal, e sempre nos seguintes tipos de contratos:
Prácticas.
Formación.
Para a realización dunha obra ou servizo determinado.
A tempo parcial, fixo discontinuo e de relevo.
A domicilio.
Traballadores contratados en España ao servizo de empresas españolas no estranxeiro.
Os contratos por tempo determinado, cuxa duración sexa superior a catro semanas.
Máis adiante explicaremos as características destes tipos de contratos.
Cada unha das partes poderá esixir que o contrato se asine por escrito, en calquera momento do transcurso da relación laboral. O traballador ten dereito a ter copia do contrato. En caso de extravialo pode pedir copia á empresa ou ao servizo público de emprego.
Os contratos laborais poden ter un período de proba, pero nese caso hai que establecelo por escrito. A duración dos períodos de proba depende do que establezan os convenios colectivos e, se non se determina nestes, o máximo serán 6 meses para os técnicos titulados e dous meses para o resto de traballadores. Non se poderá establecer período de proba cando o traballador xa desempeñase as mesmas funcións con anterioridade na empresa, baixo calquera modalidade de contratación. A única diferencia co resto do tempo de contrato é que durante o mesmo poderase rescindir a relación laboral (romper o contrato) por vontade de calquera das partes, sen alegar causa ningunha e sen aviso previo, salvo pacto en contrario.
No que respecta á duración dos contratos, un contrato de traballo pode ser indefinido (fixo), ou ben ter unha duración determinada (temporal). En principio todo contrato de traballo é indefinido e a xornada completa, salvo que no contrato de traballo se estableza o contrario. As normas que regulan cada tipo de contrato temporal, establecen cal é a duración mínima e máxima do contrato.


Comentarios